Santiago, 26 de marzo de 2025.- A Economía Social de Galicia xa ten o seu propio portal estatístico. Trátase de GALESTAT, unha ferramenta que achegará os datos máis actualizados sobre o sector na nosa comunidade.
O novo recurso dixital, creado desde o Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da Universidade de Santiago de Compostela que dirixe a profesora Maite Cancelo, achegará os datos máis actualizados sobre o sector en Galicia.
Os detalles do mesmo foron presentados esta mañá no decurso do acto central da VI Semana Universitaria da Economía Social celebrado na propia USC, no que, xunto a Cancelo, participaron tamén a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño, e a vicedecana da Facultade anfitrioa, Romina García.
A xornada incluíu así mesmo a presentación do Informe da Economía Social en Galicia 2023. O documento destaca, entre outros moitos datos, que nese ano creáronse en Galicia👇
- 138 cooperativas (a segunda cifra máis elevada da serie histórica) con 434 socios e socias promotores (o 44% mulleres).
- 56 sociedades laboráis (o 24% das constituidas en todo o estado, só por detrás da Comunidade de Madrid)
- 7 novos centros especiais de Emprego.
Desde o ForoESGal tivemos tamén a oportunidade de participar neste interesante acto a través do noso presidente, Mino Martínez, que falou da ES xunto a catro entidades das principais familias da economía social galega: Carlos Carrión, da Sociedade Cooperativa Vitivinícola Arousana (bodegas PACO & LOLA); Xosé Lois Lamazares, de Daveiga - Galletas Mariñeiras ; Rosa Gutiérrez, de #Coregal; e Víctor Manuel Blanco, de Primicias Raíña. Asociación Raíña Paraíso
Para o ForoESGal é un pracer participar en encontros tan enriquecedores e positivos para a visibilidade e fortalecemento da economía social galega como o desta mañá.
Fonte: USC
Enlace á nova da USC: https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/nace-galestat-man-usc-primeiro-portal-estatistico-economia-social-galicia